lunes, 23 de diciembre de 2013

FELICES FESTAS




O Nadal

“…gran número de tradicións da complexa documentación folklórica
do Nadal  insérese no simbolismo mítico do eterno retorno ou repetición
do nacimento exemprar do Cosmos.”
Xesús Taboada Chivite- Etnografía Galega-1972



Nestas datas entrañables
que son o tempo de Nadal,
se no mundo enteiro hai ledicia
en Laza hai  moito máis.

como volven as andoriñas
no tempo ledo da primavera,
achegándose decembro,
retornaban os emigrantes a súa terra.

Non foi o espírito celta,
ceibe e aventureiro
o que os fixo emigrar.
Foi a necesidade  e a coraxe  de loitar
o que lles deu azos dabondo
para o infortunio  cambiar.

Anos sombríos, afastados da familia,
uns deixaron pais anciáns,
outros nenos sen criar,
loitando as mulleres  soas
coa labranza e co  fogar.
Laza quedaba baleira
ata o vindeiro Nadal.

Días  longos transcorrían
nunha terra ben estraña;
outra vida,outras xentes,
escoitando outro falar.

Cando volvían á casa,
todo era diferente.
Esquecendo de repente
a longa espera  vivida ,
o pobo estouraba axiña,
cheo de gozo e ledicia.
Énchense os bares todos ,
con apertas e con risas.

Viñan de afastados lugares
Holanda , Francia  ou Alemaña,
Zurich,  Montei  e Xenebra,
e doutras cidades de España.

Traian a maleta chea de cariño e de ilusión ,
  por ver as  súas mulleres ,
as Penélopes  galegas ,
que teceron  fermosos soños
cos fíos do corazón,
desexando  un tempo novo ...
moito mais ledo e mellor .

Outros devecían por ver aos  fillos
que medraron sen os pais.
aos velliños que murchaban
agardando un Nadal máis.

¡Xa fumegan as lareiras!
¡Xa recenden as cociñas!!
xa se matan os marranchos
 alá pola mañanciña.
¡Que algarabía nas matanzas!
¡Que xuntanzas se facían!
 Para colleren folgos e subir o porco ao carro,
coas galletas do Hermida botábanlle algún trago.
¡¡ Xa  está o porco desfeito,
xa están os xamóns salgados ,
e dos fumeiros penduran
chouriciños encarnados!!

Na noite boa,
xuntos arredor da mesa
compartindo coa familia o alimento  e a calor
celebrando un ano máis
o milagre máis fermoso
a xuntanza  da familia e o triunfo do  amor.



Despois chega a noitevella,
e baixo o meigallo da lúa
escóitanse os primeiros chocos
soando con forza na rúa.




¡¡Xa tardaba este bulicio !!
¡¡Xa tardaba o folión!!
Empeza o tempo de Entroido,
volve haber ilusión.

¿Como poder esquecer,
nestas datas cheas de maxia
o Belén que na nosa igrexa
facía Don Bernardino
aquel  gran home miúdo
que tanto quería a Laza
e que puña en cada feito
todo o esmero e cariño.

Hoxe hai menos emigrantes  
fóra das nosas fronteiras,
pero aínda quedan lazanos
espallados pola terra,
que sen esquecer  á patria
volven polo Nadal,
e Laza séguese enchendo
 nesta data especial.

Por iso estas festiñas ,
tan queridas para nós,
son festas de  paz e ledicia.
Tempo de encher as alforxas
con afecto e agarimo
para encarar o  novo ano
que Deus sabe que traerá.

¡Xa pode zoar o vento
e branquexar  a xeada!
¡Pode chover a cántaros
ou caer unha nevada!
Que nas casiñas de Laza
a beiriña do fogar,
as datas máis quentiñas
son as do noso Nadal !!

Carmen Rivero Gallego.