sábado, 30 de enero de 2016




ENTROIDO
(“Cultura e tradición dun pobo pode que se quede curto
 se entendemos que aquí está o paraíso galego
da festa máis ancestral…”).
“Comarca de Verín extremo sur”
Manuel F.Rodríguez-2008

Ancestral , eterno e ceibe
é o Entroido de Laza,
rexurde como Ave Fénix,
volve das cinsas con raza.

Nin a morte nin a vida
 frean o seu camiñar
porque os homes desta terra
son fillos de Breogán.

A herdanza dos devanceiros,
indeleble na memoria
revive cos seus feitos
a tradición e a historia .

  É o sangue do meu pobo                                       
que latexa no seu peito,
coa furia do titáns
e coa forza do vento.

Soan os chocos nas rúas,
 troulean os folións,
espantando cos seus fachos
tebras, mágoas e salaios
que o ano vello deixou.

Os bravos  peliqueiros ,
máis relucentes có sol,
aledan con poderío todo o pobo co seu son.
Levan na man a zamarra,
no corazón liberdade
e na alma a coraxe  que  esta terra lles dá.

 É o sangue do meu pobo
que latexa no seu peito,
coa furia do titáns
e coa forza do vento.

  A morena toleando... ataca ben escoltada
por toxos e covelleiros,
sempre moi enrabechada.
As formigas rebuldeiras
pican con moito brío,
mestúranse coa fariña e fan fuxir o xentío.

 É  o alento da nai natureza...
nai fecunda…
prometendo fartura para  un tempo novo.
Agromará a primavera....
aniñará  a  esperanza,
espertarán os  soños esvaecidos ...
no fondo da alma
de homes e  mulleres...
das  terras de Laza.   
 ©Carmen Rivero Gallego.


Cartel de JUANLU