martes, 24 de febrero de 2015

QUERIDA ROSALIA







Querida  ROSALíA

Querida Rosalía :
Onte  vin nos ollos puros dunha nena,
un tempo novo;
ao escoitar dos seus beizos
este falar  meloso
e puiden albiscar un futuro
 preñado de esperanza,
que sen ti,
 quizais ficaría baleiro.

¿Como esquecer  os teus versos?
Ese amor a Galicia
 que zumegan as túas letras,
asolagando os ollos
e encollendo as entrañas.
dos que amamos esta terra.

¿Como non agradecerche
que rescataras o noso idioma
 para que brille con luz propia?
Cando todo estaba escurecido
 teimaches e teimaches en escribir
 na lingua máis fermosa;
Ceibando  camiños atuídos polas silvas
que  afogaban no esquecemento,
a  supervivencia  nosa.  


¿Como non loarte ,  muller galega
que viviches as penurias desta xente?
se fuches quen de ser muller,
cando daquela era unha eiva,
 e aínda así facer poemas
escribindo na lingua  da pobreza.

¿Como non lembrar  a túa andaina?
 Se fixeches que mulleres coma ti ,
 prenderan o facho que deixaches
honrando o sexo feminino,
que nin é segundo nin é débil;
 e seguen a colocar pedras
construíndo día a día
 este país senlleiro .

¿Como non bendicir o teu nome
  desexando que sigas a facer o que ben sabes?
Dende o infindo lugar onde te atopes,
non deixes que a túa pluma se volva preguiceira
e segue , segue, querida musa,
escribindo palabras fermosas
nesta lingua meiga.


 ©Carmen Rivero Gallego