viernes, 16 de mayo de 2014


17 DE MAIO- DÍA  DAS LETRAS GALEGAS


Rosa dos ventos. 
Esta escultura ao pé da Torre de Hércules inclúe os símbolos das nacións celtas (Bretaña, Cornualles, Escocia, Gales, Irlanda e Illa de Man), ademais de Galicia e Tarsis, patria de Gerión

(C. Quián-La voz de Galicia).

GALLAECIA
(“Nada hai na mente que non estivera antes nos sentidos”).
Aristóteles

O teu nome soa   melancólico  e fresco
coma a gaita da Seivane
guindando os seus lamentos ,
ao ar puro desta terra.
 Outras  veces tes o eco harmonioso
dun fado  na noite lisboeta;
   ou se cadra, vibrante coma un jazz,
 saído da trompeta de Miles Davis .
Silénciannos e cantamos.

Tes sabor a marmelo e a amorodos maduros,
a mel e a bicos de nai;
a liberdade e  a ausencias redimidas.
Sabes a aldea, a comida dos avós,
sazonada coa ledicia  do retorno;
a terra ceibe... aínda.
Dómannos e erguémonos.


Cheiras a  salitre , a mar en calma;
   a ronseis de escuma branca, e  a solpores rutilantes.
A árbores verdes, 
a  herba seca e a piñeiros.
Enguedellando auga e terra,
mar, monte, val e río
nunha aperta  senlleira e  abraiante,
coma un fermoso cadro  de Laxeiro,
que nos trae aromas e lembranzas.

Lúxannos e lavámonos.

Eu soño con tocar o  teu ceo  estival;
Acariciar cos meus dedos a nívea vía láctea,
coma se o firmamento fora un encerado dixital;
palpar os seus relucentes sinais
que  saúdan dende enriba  ao peregrino:
  ¡¡Ultreia!!
¡Con cada pegada adiante, un anaco menos de camiño!
Pisar despois as areas mornas das praias feiticeiras,
 curar os pés e a alma  magoada
coas augas sandadoras desta terra.

Máncannos e estañamos as feridas.


Óllaste fermosa, coma unha noiva celta,
enfeitado o cabelo coas flores desta terra.
O traxe verde cóbrete ata o alto mesmo das túas serras,
Un  branco veo coroa de neve os  cumes máis esgrevios
mentres que  o solpor  che saca as cores,
de muller aínda doncela,
dándolles rubor ás túas meixelas.

Quéimannos e volvemos brotar  fértiles.

Para amosarlle ao mundo que esta terra
é moito máis ca  mar e ca montaña.
Ca ríos con fervenzas e árbores fermosas.
É tamén, o traballo dos homes e  mulleres
que levan no seu sangue o
 herdo de séculos de historia
de millóns e millóns de devanceiros ,
que fixeron de Galicia e dos galegos
un pobo único, diferente e valioso
que debe perdurar para sempre
entre os pobos venerables do planeta.

Esquécennos e  rexurdimos  fortes.

Carmen Rivero Gallego