sábado, 22 de octubre de 2022

Outono

domingo, 8 de mayo de 2016

A LINGUA GALEGA





A LINGUA GALEGA
(“O xenio máis íntimo de cada pobo,
 a súa alma profunda, está sobre todo na lingua." Henrich Heine).
A nosa lingua ,
 herdo de séculos de historia
é unha femia que resiste,
forte e dura,
   encarando salvaxes embates .
Forxada a forza de golpes ,
 de fame e de penurias.
Bocas pechadas polos señoritos;
miradas de esguello.
Desprezo...¡Pailáns!

Nunca silenciada nas casas dos labregos,
nas verbas dos mariñeiros
 na alma  dos emigrantes;
 aínda que  negros séculos se cinguiran sobre ela.
O pobo  humilde e chan gardou celoso a alfaia,
aferrollando o tesouro,
o tesouro da nosa fala;
 aínda que a moda fora falar  outra estraña.
Deixoullela  en herdo aos  fillos,
Ensinándollela dende o berce …
como se  ensina aquilo que moito se ama.

 A nosa lingua,
foi a  guía do arado escachando terras bravas,
 o berro que lanzou   as redes
para loitar coa marusía e traer  comida á casa.
Fuxiu, ferida, polos montes desta terra,
perseguida pola Falanxe,
pola opresión e a miseria.
Camiñou de noite nas alforxas do contrabando.
 Foi a alma do pobo nas lareiras,
 nos fiadeiros das casas,
 nos muíños e nas eiras;
 Nas cantigas das festas e nas ledas  romarías.
 Nas segas do pan,
 nas mallas, sementeiras e   vendimas.

Traspasou moitas fronteiras nas maletas dos galegos,
Pero volveu viva ao pobo  con cariño e esperanza.


A nosa lingua  non é unha meretriz,
nin é moeda de cambio.
Se queremos que brille sempre
 e non se apague a súa chama
ensinémosllela aos  cativiños,
orgullosos do que somos:
¡Galegos en corpo e alma!
Para que non morra de tristura
ao non sentirse querida, nin digna de ser herdada.
A nosa lingua fermosa é un lábaro de esperanza,
para sobrevivir como pobo...
 É a nosa esencia máis clara.


©Carmen Rivero Gallego.




sábado, 30 de enero de 2016




ENTROIDO
(“Cultura e tradición dun pobo pode que se quede curto
 se entendemos que aquí está o paraíso galego
da festa máis ancestral…”).
“Comarca de Verín extremo sur”
Manuel F.Rodríguez-2008

Ancestral , eterno e ceibe
é o Entroido de Laza,
rexurde como Ave Fénix,
volve das cinsas con raza.

Nin a morte nin a vida
 frean o seu camiñar
porque os homes desta terra
son fillos de Breogán.

A herdanza dos devanceiros,
indeleble na memoria
revive cos seus feitos
a tradición e a historia .

  É o sangue do meu pobo                                       
que latexa no seu peito,
coa furia do titáns
e coa forza do vento.

Soan os chocos nas rúas,
 troulean os folións,
espantando cos seus fachos
tebras, mágoas e salaios
que o ano vello deixou.

Os bravos  peliqueiros ,
máis relucentes có sol,
aledan con poderío todo o pobo co seu son.
Levan na man a zamarra,
no corazón liberdade
e na alma a coraxe  que  esta terra lles dá.

 É o sangue do meu pobo
que latexa no seu peito,
coa furia do titáns
e coa forza do vento.

  A morena toleando... ataca ben escoltada
por toxos e covelleiros,
sempre moi enrabechada.
As formigas rebuldeiras
pican con moito brío,
mestúranse coa fariña e fan fuxir o xentío.

 É  o alento da nai natureza...
nai fecunda…
prometendo fartura para  un tempo novo.
Agromará a primavera....
aniñará  a  esperanza,
espertarán os  soños esvaecidos ...
no fondo da alma
de homes e  mulleres...
das  terras de Laza.   
 ©Carmen Rivero Gallego.


Cartel de JUANLU  

jueves, 19 de noviembre de 2015

INVICTUS




Fóra da noite que me cobre,
negra como o abismo
de polo a polo,
agradezo a calquera deus que puidese existir
pola miña alma inconquistable.

Nas feroces poutas da circunstancia
nin xemín nin berrei.
Baixo os golpes do azar
miña cabeza sangra, pero non se inclina.

Máis alá deste lugar de ira e bágoas
e inminente o horror da sombra,
e non obstante a ameaza dos anos
encóntrame e encontrarame sen medo.



Non importa que estreita sexa a porta,
que cargada de castigos a sentenza.
Son o amo do meu destino:
Son o capitán da miña alma.
William Ernest Henley.

                                                                                                             Tradución de Carmen Rivero.



lunes, 3 de agosto de 2015

BRIF EN LUCHA




A todos os brigadistas , especialmente a BRIF de Laza (Ourense)



EN LOITA….ATA A VITORIA!!!

Adiante …….irmáns
na loita sen cuartel,
contra a cruel inxustiza
ninguén vos  pode deter

Erguédevos sen medo
heroes ignorados.
A xente que traballa
 merece dignidade!!!

Os parias desta terra
noutrora  sometidos
loitaron sen descanso
pola súa liberdade.



Coma as  bravías lapas
contra  as que  pelexades,
deixando a vida ás veces
en tan feroz combate.

Así será esta loita
contra o asoballamento
do tirano poderoso
que  oprime a súa xente.

Irmáns brigadistas,
Para librar esta batalla
contra o lume do oprobio
O pobo está  con vós .

Erguédevos sen medo
heroes ignorados.
A xente que traballa
 merece dignidade!!!

Carmen  Rivero Gallego.


jueves, 21 de mayo de 2015

POESIA , TRADICION E FORZA








viernes, 15 de mayo de 2015

17 DE MAIO










A LINGUA GALEGA
(“O xenio máis íntimo de cada pobo,
 a súa alma profunda, está sobre todo na lingua." Henrich Heine).
A nosa lingua ,
 herdo de séculos de historia
é unha femia que resiste,
forte e dura,
   encarando salvaxes embates .
Forxada a forza de golpes ,
 de fame e de penurias.
Bocas pechadas polos señoritos;
miradas de esguello.
Desprezo...¡Pailáns!

Nunca silenciada nas casas dos labregos,
nas verbas dos mariñeiros
 na alma  dos emigrantes;
 aínda que  negros séculos se cinguiran sobre ela.
O pobo  humilde e chan gardou celoso a alfaia,
aferrollando o tesouro,
o tesouro da nosa fala;
 aínda que a moda fora falar  outra estraña.
Deixoullela  en herdo aos  fillos,
Ensinándollela dende o berce …
como se  ensina aquilo que moito se ama.

 A nosa lingua,
foi a  guía do arado escachando terras bravas,
 o berro que lanzou   as redes
para loitar coa marusía e traer  comida á casa.
Fuxiu, ferida, polos montes desta terra,
perseguida pola Falanxe,
pola opresión e a miseria.
Camiñou de noite nas alforxas do contrabando.
 Foi a alma do pobo nas lareiras,
 nos fiadeiros das casas,
 nos muíños e nas eiras;
 Nas cantigas das festas e nas ledas  romarías.
 Nas segas do pan,
 nas mallas, sementeiras e   vendimas.

Traspasou moitas fronteiras nas maletas dos galegos,
Pero volveu viva ao pobo  con cariño e esperanza.


A nosa lingua  non é unha meretriz,
nin é moeda de cambio.
Se queremos que brille sempre
 e non se apague a súa chama
ensinémosllela aos  cativiños,
orgullosos do que somos:
¡Galegos en corpo e alma!
Para que non morra de tristura
ao non sentirse querida, nin digna de ser herdada.
A nosa lingua fermosa é un lábaro de esperanza,
para sobrevivir como pobo...
 É a nosa esencia máis clara.


©Carmen Rivero Gallego.