domingo, 8 de mayo de 2016

A LINGUA GALEGA





A LINGUA GALEGA
(“O xenio máis íntimo de cada pobo,
 a súa alma profunda, está sobre todo na lingua." Henrich Heine).
A nosa lingua ,
 herdo de séculos de historia
é unha femia que resiste,
forte e dura,
   encarando salvaxes embates .
Forxada a forza de golpes ,
 de fame e de penurias.
Bocas pechadas polos señoritos;
miradas de esguello.
Desprezo...¡Pailáns!

Nunca silenciada nas casas dos labregos,
nas verbas dos mariñeiros
 na alma  dos emigrantes;
 aínda que  negros séculos se cinguiran sobre ela.
O pobo  humilde e chan gardou celoso a alfaia,
aferrollando o tesouro,
o tesouro da nosa fala;
 aínda que a moda fora falar  outra estraña.
Deixoullela  en herdo aos  fillos,
Ensinándollela dende o berce …
como se  ensina aquilo que moito se ama.

 A nosa lingua,
foi a  guía do arado escachando terras bravas,
 o berro que lanzou   as redes
para loitar coa marusía e traer  comida á casa.
Fuxiu, ferida, polos montes desta terra,
perseguida pola Falanxe,
pola opresión e a miseria.
Camiñou de noite nas alforxas do contrabando.
 Foi a alma do pobo nas lareiras,
 nos fiadeiros das casas,
 nos muíños e nas eiras;
 Nas cantigas das festas e nas ledas  romarías.
 Nas segas do pan,
 nas mallas, sementeiras e   vendimas.

Traspasou moitas fronteiras nas maletas dos galegos,
Pero volveu viva ao pobo  con cariño e esperanza.


A nosa lingua  non é unha meretriz,
nin é moeda de cambio.
Se queremos que brille sempre
 e non se apague a súa chama
ensinémosllela aos  cativiños,
orgullosos do que somos:
¡Galegos en corpo e alma!
Para que non morra de tristura
ao non sentirse querida, nin digna de ser herdada.
A nosa lingua fermosa é un lábaro de esperanza,
para sobrevivir como pobo...
 É a nosa esencia máis clara.


©Carmen Rivero Gallego.